sábado, 27 de febreiro de 2010

Os clásicos e o "saque de peón"

Manuel Cárceles Sabater (1850-1933) foi un afamado médico madrileño e ao mesmo tempo un afervoado damista que contaba cunha estupenda biblioteca especializada no noso xogo. Considerado o último dos grandes clásicos, publicou en 1904 o "Tratado del Juego de Damas" dedicado integramente á "Apertura do Río". Na parte introdutoria presenta unha serie de instrutivas posicións, como a do "saque de peón", que nos poden servir de grande axuda para aprender a rematar os xogos.


Desde o punto de vista das brancas, na terminoloxía damista chámaselle "saque de peón" a todo aquel final no que dúas damas, con dominio do río, máis un peón situado no cadro "2" loitan contra unha dama acompañada por outro peón na casa "9". A posición é gañadora para o bando forte sacando o peón no momento xusto e levándoo a dama. A tarefa, desde logo, non é doada e, de feito, trouxo de cabeza a moitos damistas. Raro é o tratadista que non cometeu algún erro na súa exposición e ata algún xogador consagrado non conseguiu gañar este final en campionato. Existen varios métodos fiables, agora ben, non se debe optar polo dos autores clásicos españois pois, como xa apuntei no Nº 455 da Enciclopedia Damista (Agosto do 2002), permite acadar o empate ao bando débil.

Recentemente vin aplicar este sistema nun enfrontamento "on line" da Ludoteka a un xogador que se fai chamar "Intilejencia" e o seu rival tivo o empate na man, mais non o coñecía. Por ser un asunto sumamente interesante e instrutivo ímolo expoñer hoxe aquí.

Pablo Cecina Rica (1718)


XOGAN BRANCAS

Para Montero (1591) o pase do peón era imposible. Lorenzo Valls (1597) consegue levar o peón a dama, pero empeza xa con el na casa "6". Cecina Rica (1718) intentou sistematizalo no seu "LANCE XXIII" pero pasa por alto a nosa manobra defensiva. Os demais autores que lle seguiron, incluído o Dr. Cárceles Sabater (1904), nada novo acrecentaron e arrastran o erro.

A partir da posición do diagrama de arriba continúan:

1.01-28, 03-13; 2.16-03, 13-27; 3.03-17, 27-20; 4.28-10, 20-15; 5.10-14, 15-12; 6.14-28, 12-15; 7.17-10, 15-24; 8.28-31, 24-20; 9.31-24, 20-30; 10.02-06, 30-21; 11.10-19, 21-18; 12.24-20 ...
Aínda que por distinta orde, a esta posición foi á que tamén se chegou na partida da Ludoteka que antes mencionabamos. [VER DIAGRAMA]
Henrique Guerra (2002)

XOGAN NEGRAS E EMPATAN

12. ... 18-13!; 13.06-11, 13-18!;

O comezo da nosa manobra defensiva. O Dr. Cárceles Sabater [Lance 46 - apartado 5] continuaba con 13. ... 13-06; 14.11-15, 06-03; 15.20-24, 03-16; 16.24-31, 16-12; 17.19-29, 12x19; 18.29x15, 09-05; 19.31-28 [G.B.]

14.11-15, 18-25!!;

A clave da manobra defensiva.

15.20-30 ...

Para impedir 15. ... 25-11; debido ao gancho con 16.19-23, [G.B.] pero ....

15. ... 25-29!; EMP.

O cambio de damas nada arranxa e non se pode impedir a perda do peón "15" despois de 09-05.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

PASE DE LORENZO VALLS

O máis difícil deste final e efectuar a saída do peón sen comprometelo, algo que estudaremos nas dúas próximas semanas.
Para completar o tema dos autores clásicos imos examinar agora a situación á que aludimos cando comentamos a xogada 12. As brancas xa superaron a primeira fase e teñen o peón avanzado un paso. Vexamos como Lorenzo Valls levaba este peón a dama.

Lorenzo Valls (1597)

XOGAN AS BRANCAS E GAÑAN

1. 03-12, 18-21;

As negras non abandonan a paralela 4/25 para manter cortado o paso do peón. Se decidisen atacalo con 1. ... 18-13; segue 2. 06-11, 13-06; 3. 12-15! (nótese que non vale 3. 11-14 porque despois de 3. ... 06-03; perden unha das dúas damas debido á ameaza 09-05.) 3. ... 06-03; 4. 15-29 e o peón pasa sen máis problemas, pois se 4. ... 03-06; as brancas gañan co gancho 5.01-19.

2. 12-08, 21-04;

Para impedir que a dama branca apoie o peón desde a casa 4. O atranco é momentáneo pero ao menos conseguen descolocar a outra dama.

3. 01-28, 04-18;

As brancas escollen a mellor casiña, pois desde 28 poden defender calquera ataque sobre o peón. O bando rival non consegue retrasar por máis tempo a desaloxe da paralela 4/25 e busca impedir o avance de peón de forma indirecta co ataque en 31.

4. 08-04, 18-31;

Non hai nada mellor. Se 4. ... 18-27; con 5. 06-11 o peón avanza de forma imparable xa que o intento de obrigar ás brancas a autotaponar o río con 5. ... 27-20; fracasa fulminantemente. Pérdese a dama despois de 6. 28-24 seguido de 7. 04-11.
Pedro Ruíz Montero presenta unha situación moi similar á da liña principal. El desaloxa á dama branca, non desde 4, senón desde a casiña 25, que para os efectos é o mesmo; pero logo ao contestar ao ataque 4. ... 18-31; obcécase con que a dama ten que ir a 10 e non consegue progresar, polo que considera este final como empatado. Posteriormente Lorenzo Valls revisa o método e consegue dar coa idea que permite rematar esta posición.

5. 28-01, 31-24;

A continuación máis resistente. Ao ter o branco a dama en "1", só esta xogada retrasa o avance inmediato do peón.

6. 04-11, 24-31; 7. 06-10, 31-24;

De nada serviría 7. ... 09-05; por 8. 11-02, 31-09; e 9. 10-14 [G.B.] pola “forzosa".

8. 11-02, 24-31; 9. 10-14, 31-22;

A situación xa esta clara. Só vamos a comprobar o número de movementos que se necesitan para levar o peón a dama.

10. 02-24, 22-29; 11. 14-18, 29-26; 12. 24-02, 26-12; 13. 18-21, 12-08; 14. 21-25, 08-29; 15. 02-11, 29-22; 16. 25-29 ...

E o peón coroou en 16 movementos. [G.B.]

sábado, 20 de febreiro de 2010

A "barca" de Kaplan

Vladimir Kaplan naceu na Unión Soviética no ano 1925 e emigrou aos Estados Unidos en 1977 para vivir na cidade de Nova York. Gañou nas tres ocasións en que participou no Campionato Nacional da Asociación Americana de "Pool Checkers", unha modalidade na que as damas se desprazan con movementos longos como no noso xogo, pero na que os peóns poden comer para atrás. Escribiu varios libros e artigos de prensa polos que alcanzou gran popularidade. Morreu no ano 2000 e con el desapareceu unha das figuras senlleiras deste xogo. Como mostra do seu xenio, incluímos na edición desta semana un espléndido final da súa autoría.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Por facer máis didáctica a exposición imos lembrar primeiro a "treta" 29 do "Libro del Juego de las Damas vulgarmente nombrado el marro" do antigo tratadista Pedro Ruíz Montero, tamén coñecido como o "Andaluz". Trátase da súa famosa "barca", manobra de obrigado coñecemento para todo damista que se teña prezo.

Ben sabido é que tres damas contra unha que domina a gran diagonal non gañan, mais aquí o peón constitúe un claro estorbo que vai axudar ao bando rival a construír a "barca" que lle permita facerse co control do "río" e do xogo.

Pedro Ruíz Montero (1591)

XOGAN AS NEGRAS

As negras teñen que desfacerse do peón ou sacalo do río para optar ao empate, pero as brancas cunha dama en 16 e outra na paralela 8/29 están perfectamente colocadas para impedir tal propósito. Se o peón avanza, a dama negra cae despois de 15-19.

1. ... 01-10;

Para gañar nesta favorable posición hai que obrigar á dama negra a ir a 28 para atacala desde 24 e cando retroceda poder atrapala co sacrificio da dama de 16 en 23.

2.18-27! ...

Consecuente co plan. A manobra só debe facerse cando a dama negra estea flutuante, porque se agora as negras moven o peón, xógase 3.27-23, 28x12; 4.16x17, [G.B.]
Por suposto, se a dama negra estivese en 5, seguiría 3.27-09, seguido da entrega 4.15-19, [G.B.]

2. ... 10-01; 3.16-23, 01x28; 4.15-24, e o obxectivo está conseguido.

Se a dama se retira, como xa explicamos, segue 5.27-23 e 6.24x31, [G.B.] Igualmente se 4. ... 28-31; 5.27-09, 32-28; 6.24-20, 28-23; 7.20x27, [G.B.]

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Unha vez postos en antecedentes, velaquí temos o extraordinario final de Vladimir Kaplan que, nun só traballo, consegue reunir todos os temas fundamentais relacionados coa "barca", desde os dos clásicos españois Montero (1591) e Mirón (1635) ata os relativamente máis modernos como son os do seu compatriota Sagrin (1892).

Vladimir Kaplan

BRANCAS XOGAN E GAÑAN

1.18-07!! , 32-28;

O peón sae antes de que as brancas ocupen a diagonal 16/30, pois nese caso gañan co método de Montero. Velaí vai como é que fracasarían esas movidas de dama:

  • 1. ... 10-28; 2.09-31 (acelera o proceso, pero 2.08-16 tamén gaña pola posición de Montero) 2. ... 28-10; (Se 2. ... 28-23; 3.31-28, 23-16; 4.07-03 e 15-12 G.B.) 3.15-19, 10x23; 4.07-16, [G.B.]

  • 1. ... 10-23; 2.07-16, 23-01; 3.09-18, (perda de tempo para provocar o cambio de canto da dama negra) 01-05; 4.18-27, [G.B.] "barca" de Montero.

  • 1. ... 10-01; 2.07-16, [G.B.] Outra vez coa "barca" do tratadista andaluz.

2.09-22!! ...

A chave. Agora as negras dispoñen das seguintes opcións:

  • 2. ... 28-24; 3.07-16, 10-01; (con idea de sacrificar o peón, xa que non vale a defensa coa manobra de "luneta" colocando a dama entre dúas pezas adversarias, a modo da cortante ferramenta circular que usaban os curtidores, pois despois do 3. ... 10-19; 4.22-19 e 5.16-12 as negras perden a prezada peza) 4. 16-20 ... ("batería" ideada por Antonio Mirón del Castillo nunha posición similar para obrigar á dama inimiga a xogar de canto a canto) 4. ... 01-32; 5.22-18, 32-01; 6.18-25 ... (perda de tempo necesaria) 6. ... 01-32; 7.25-04, 32-01; 8.04-08 ... (no momento xusto) 8. ... 01-32; e agora o gancho 9.20-23, [G.B.]

  • 2. ... 28-23; 3.07-03, 10-05; (Se 3. ... 10-01; 4.22-19!, 23-14; 5.03-10, 14x05, 15-02; G.B. Manobra do ruso Sagrin que remata coa prisión de Timoneda. Tampouco valía 3. ... 10-19; por 4.03-12 e 5.12-08 G.B.) 4.15-02, 05-01; (4. ... 05-09; 5.22-15, 09-31; 6.02-09, 31-28; 7.15-24, 28-31; 8.03-10 G.B. Tamén perdía 4. ... 05-14; con 5.22-19 G.B.) 5.22-19, 23x14; 6.02-05, 01x10; 7.03x13 e 8.13-03 [G.B.] Outra manobra de Sagrin.
  • 2. ... 10-05 (ou 01); 3.15-19!, 05x23; 4.07-16 [G.B.]
  • 2. ... 10-19; 3.07-12 ou 15-08 [G.B.] 2. ... 10-23; 4.07-16, 23-30; 5.22-19, [G.B.] a "barca" controla o río.

sábado, 13 de febreiro de 2010

Veredictos dispares

XOGAN NEGRAS E ...

Veríssimo Dias naceu en Angola no 1955 pero xa hai ben tempo que reside en Portugal. Estudou como bolseiro en Rusia a carreira de Bioloxía, foi profesor no ensino secundario e agora traballa como consultor en materias ambientais. Gañou en sete ocasións o campionato de damas da nación veciña sendo asemade o actual posuidor do título.
Na edición desta semana imos ver unha partida súa contra Silva Pereira, outro xogador que tamén foi campión portugués. Disputouse en 1996, ano no que Veríssimo conseguiu o seu segundo campionato, e tivo certa sona grazas ás discusións que en torno ao seu desenlace tiveron lugar nos círculos damistas lusitanos.

Silva Pereira vs. Veríssimo Dias
16º Cto. de Portugal. Almada 1996
[Apertura sorteada: 1.10-14, 22-18]


1.10-14 ...

Esta sería a forma máis forte de abrir o xogo en partida libre. Ocupa unha casiña central e mantén intacto o flanco esquerdo (máis endeble por ter dúas entradas o seu cadro base pegado ao rincón).

1. ... 22-18;

O azar reservou para esta ocasión unha das mellores réplicas. As negras eliminan de raíz a opción branca de ocupar a casa dique e prepáranse para construír una formación de flanco coa que loitar contra o centro do rival.

2.12-15 ...

Descubertas as intencións do rival, as brancas reforzan o control sobre o centro.

2. ... 23-20;

Xunto coa textual, as movidas á casa "22" con calquera dos dous peóns son as réplicas máis vistas na práctica.

3.07-12 ...

Xogada que dá orixe á "Partida Clásica", unha contrastada forma de apuntalar o centro e intentar achicar espazo no campo adversario.

3. ... 20-16;

A resposta comunmente empregada. Evita 12-16 e ao mesmo tempo pretende debilitar o flanco esquerdo do branco.

4.03-07 ...

Impide o cambio debilitador. A práctica demostrou que esa especie de "cóbado" que forman os peóns "7", "12" e "15" non é doado de explotar.

4. ... 28-23;

A continuación máis flexible. Acelera o desenvolvemento do flanco de río e tende unha pequena celada. Se agora as brancas ocupan a casiña estratéxica "19" co peón de "15" van quedar co centro paralizado por unha manobra de pinzas. Vexamos: 5.15-19, 32-28!; 6.06-10, 27-22!; 7.12-15, 21-17; 8.14x21, 25x18; 9.10-14, 29-25; 10.14x21, 25x18; 11.11-14, 18x11; 12.07x14, 23-20 forza a ganancia de material decisivo.

5.05-10 ...

Colaborando no afianzamento do centro e deixando paso para que o peón retrasado de "1" poida entrar en xogo.

5. ... 23-20;

Invitando ás brancas a que constrúan un centro superpoboado para deseguido intentar a súa inmobilización ou minado. Con todo, as negras dispoñen doutras cinco ben coñecidas réplicas coas que encarar o medio xogo. Son estas: 5. ... 32-28; 5. ... 31-28; 5. ... 21-17; 5. ... 27-22 e 5. ... 26-22.

6.15-19 ...

Aceptando a invitación. Por contra, se 6.01-05 as brancas quedan nunha precaria situación despois de 6. ... 26-22!; 7.15-19, 22x15; 8.12x19, 20-15; 9.11x20, 24x15; 10.10-13, 18x11; 11.07x14, 16-12; 12.06-10 como na partida entre Vaz Vieira e Víctor Cunha do "XXI Torneo da Covilha", 2005. Neste momento as negras poden gañar xogando 12. ... 21-18, mais o mestre setubalense continuou con 12. ... 27-23, e despois do cambio as brancas tiveron a oportunidade de igualar con 14.14-18, que curiosamente non aproveitaron e permitiron así a Cunha gañar o torneo.

6. ... 27-22;

Comezando a traballar sobre o centro. A continuación 6. ... 20-15; que parece lóxica a primeira vista, non é recomendable pois perde un peón e só permite ás negras conseguir un desesperado empate. Podería seguir 7.11x20, 18x11; (obrigada, xa que se 7. ... 20x14; as brancas aplican a famosísima combinación de Lorenzo Valls: 8.19-23, 27x20; 9.12x19, 18x11; 10.06x24 gañando un peón e o xogo) 8.06x15, 27-22; 9.10-13, 31-27!; (García Canalejas xa indicou que non vale 9. ... 21-17; por 10.19-23, 17x10; 11.23-27 G.B.) 10.13-17, 21-18; 11.01-05, 32-28; 12.19-23, 28x19; 13.20-23, 27x11; 14.07x23, 16x07; 15.04x11, 24-20; 16.23-28, 22-19; 17.09-13, 18x09; 18.28-32, 19-15; 19.32-10, 15x06; 20.10x03, 20-15; 21.03-06, 30-27! EMP.

7.12-15 ...

A mellor, xa que se no seu lugar o peón avanza a 23, clávase unha espiña na formación branca con 22-19. No match Portugal-Marrocos de 2007, Víctor Oliveira xogou contra Elmostapha: 7.01-05, 22x15; 8.12x19, 20-15; (minando o centro) 9.11x20, 24x15; 10.10-13 con posterior empate, porén as negras están nunha situación moi favorable.

7. ... 31-27;

Ameaza con bloquear o centro. Efectivamente, como xa se apunta no tratado de Cecina Rica, se 8.01-05, 32-28; 9.08-12, 27-23 G.N.

8.19-23 ...

Silva Pereira escolle esta xogada que apareceu por primeira vez no tratado de Juan García Canalejas. A teoría considéraa como a máis forte.

8. ... 21-17; 9.14x21, 25x18; 10.10-14, 29-25;

Non vale 10. ... 26-21 por 11.14-19, 29-26; (11. ... 17-13; 12.19x26, 29x22; 13.15-19, 22x15; 14.11-14 G.B.) 12.06-10 e as negras están bloqueadas.

11.14x21, 25x18; 12.01-05 ...

Grave erro do mestre almadense. Segundo conta o columnista Luis Xavier no semanario "Cidade de Tomar" de 16-8-1996, parece ser que Silva Pereira esqueceu a teoría.
A continuación exacta era 12.08-12, unha xogada gañadora para os autores clásicos españois. Hoxe sábese que as negras poden empatar con 12. ... 17-13!; 13.01-05, 18-14; 14.09x18, 22x13; 15.11x18, 20x11; 16.07-14, 16x07; 17.04x11, 27x20; 18.05-10, 20-16; 19.10-17, 16-12; 20.18-21, 12-07; 21.21-25, 07-04 EMPATE. Tal como se demostrou no encontro entre Vaz Vieira e Joaquim Bravo pertencente á 2ª Copa da Enciclopedia Damista disputada en 1977.

12. ... 16-12!

A simple vista semellaba que a vantaxe branca era abrumadora, pero a continuación atopada polas negras vai reverter a valoración.

13.07x16, 18-14; 14.11x18, 20x11; 15.06x15, 27x11; 16.18x27, 30x23;

Aplicando un tema da típica "manobra de Timoneda", Veríssimo consegue dominar o taboleiro.

17.05-10, 23-19; 18.08-12 ... [DIAGRAMA]

Se 18. 09-13 nada cambia, as brancas despois teñen que xogar 19.08-12 e só se produce unha simple trasposición de xogadas.
18. ... 26-21;
Concede unha última oportunidade ao rival. No "Cidade de Tomar" dáse por boa a continuación de Veríssimo, pero en vista da corrección que posteriormente saíu na Enciclopedia Damista, máis precisa sería 18. ... 26-22; xa que se:
  • 19.09-13, 32-28; 20.04-08 ... (nada arranxa 20.02-06 por 11x02; 21.10-14, 17x10; 22.14x32, 02-05 e G.N. xa que agora non vale 23.32-14 porque o peón negro non está en 21 como na partida) 20. ... 28-23; (malo sería 20. ... 11-07; por 21.10-14, 19x10; 22.16-20 EMP. ) 21.12-15, 19x12; 22.08x15, 23-19; (non 22. ... 11-07; por 23.15-20 e 24.13-18 seguido de 25.02x27 EMP.) 23.13-18, 22x06; 24.15x22, 06-03; 25.22-26, 03-12; 26.26-30 ... ( 26.26-29, 12-08; 27.02-05, 17-13; 28.05-09, 13-10; 29.09-13, 10-05; 30.13-18, 05-02; 31.*29-25, 11-06; 32.25-29, 02-09 G.N.) 26. ... 11-07; 27.30-23, 07-04; 28.23-28, 12-03 e agora as brancas perden porque están obrigadas a abandonar o río.
  • 19.04-08 pode seguir 19. ... 22-18; (non 19. ... 11-07; 20.16-20, 24x15; 21.10-14, 19x10; 22.12x26 EMP.) 20.12-15, 19x12; 21.08x15, 11-07; 22.15-19, 18-14; 23.02-05, 14-11; 24.19-22, 11-06; 25.22-26, 06-02; 26.26-29, 07-03; 27.29-08, 03x13; 28.09x18, 02x31; G.N.
19.09-13, 32-28; 20.04-08 ...
A Enciclopedia Damista nada apunta sobre o posible desvío da xogada 18, porén neste momento si se apercibe de que Silva Pereira deixa escapar o empate. Efectivamente con 20.02-06, 11x02; 21.10-14, 17x10; (Se 21. ... 19x10; 22.12-15 etc.) 22.14x32, 02-05; 23.32-14, 21-17; 24.14-11, as negras xa non teñen forma de conseguir a vitoria.

20. ... 11-07; 21.12-15, 19x12; 22.08x15, 07-03; 23.10-14, 17-10; 24.15-19, 03-07; 25.16-20, 24x15; [0:1]

sábado, 6 de febreiro de 2010

Sombreiros para Mr. Reynolds

XOGAN NEGRAS E ...

A principal arma dos grandes xogadores é o seu profundo coñecemento da teoría. A "Medula Eutropélica" de Cecina, o máis completo dos autores clásicos españois, sempre constituíu unha boa guía para iniciarse nesta faceta, pero outros tratados da literatura damista en lingua inglesa, tales como a "Lees´Guide", a "Kear´s Encyclopedia", ou o máis actual "Basic Checkers" de Richard Fortman, son os maioritariamente empregados para facer adaptacións ao xogo clásico e conseguir así ampliar o arsenal teórico.

A pesar de que na modalidade angloamericana sempre hai liberdade nas capturas (non contemplan a lei da cantidade nin a da calidade) e as damas só poden desprazarse unha casiña para diante ou para atrás, a información que se pode sacar destes libros é fundamental. Como o sistema para reproducir as xogadas tamén é diferente, o mellor e colocar o taboleiro tal como nós xogamos e numerar as casas de esquerda a dereita e de abaixo para riba. Empezamos por poñer o "1" no cadro ao que na nosa nomenclatura lle corresponde o "4" e terminamos arriba, á dereita, co número "32" na casa que nós designamos como "29".

Dentro da teoría da "Partida Heroica", hoxe imos estudar un xogo pertencente ao "2º Match Internacional" entre América e Gran Bretaña que constituíu un dos máis importantes acontecementos da historia do xogo de damas. O duelo tivo lugar nos salóns do Hotel Alamac de Nova York entre o 28 de febreiro e o 10 de marzo de 1927 e os equipos estaban formados por doce xogadores que se enfrontaron todos contra todos en partidas de catro xogos, dous na sesión de tarde e dous na da noite. Coa memorable actuación de Sam Gonotsky, Mike Lieber e Asa Long, os americanos acabaron gañando por 96-20 con 364 empates.
O xogo ao que nos referimos disputouse na oitava quenda e nel o americano Reynolds derrota ao campión británico en título, R. T. Ward cunha orixinalísima manobra que lle permite entrar en dama.

Ralph T. Ward vs. Harrah B. Reynolds
2º Match América- Gran Bretaña, Nova York 1927

1.12-16 ...

A "Edimburgo", considerada como a máis frouxa das saídas posibles porque abandona o centro e limita a unha soa casiña a liberdade de movemento da peza xogada.

1. ... 24-20;

Xustifica o lance anterior das brancas que agora van aproveitar para encadear o flanco de río do rival. O xogo disputouse con apertura sorteada destes dous primeiros lances.

2.08-12, 28-24;

Tapando o burato con idea de levar outra peza a 28 e liberarse do encerro por medio dun cambio na casa 15.

3.10-14 ...

Segundo a nomenclatura do Dr. Orlando Lopes o xogo traspuxo á Partida Heroica, unha formación que queda constituída despois de 1. 10-14, 24-20; 2.12-16!, e que case sempre é contestada con 2. ... 28-24; momento no que as brancas poden escoller entre 3.08-12 ou 3.07-12 para frear a ruptura, ou ben continuar con 3.05-10 con idea de montar un ataque ao debilitado flanco de río do rival.

3. ... 32-28; 4.12-15 ...

Para retrasar a liberación co consabido cambio na casa 15.

4. ... 22-19; 5.15x22, 26x10; 6.05x14, 20-15; 7.11x20, 24x15;

Con este desbarato pódese dicir que conclúe a fase da apertura. As negras conseguiron o seu obxectivo de liberarse pero as brancas, ben colocadas, conservan unha lixeira vantaxe.

8.09-13 ...

Cara ao centro. Outra boa alternativa sería 8.01-05.

8. ... 21-17;

A continuación máis antiga. No XVIII Campionato de Portugal (Porto 1998) as negras decantáronse por 8. ... 21-18; 9.13x22, 22x11; 10.07x14, 29-26; 11.01-05, 26-22; 12.05-10 ... (12.14-18, 22x13; 13.06-10,13x06; 14.02x27, 31x22 é unha forma de forzar o empate) 22-18; 13.14x21, 25x18 no xogo entre Joaquim Bravo e Medalha da Silva ou por 8. ... 27-22; 9.13-18, 22x13; 10.06-10, 13x06; 11.02x27, 30x23; 12.01-05, 21-18; 13.14x21, 25x18; 14.05-10, 23-19; 15.07-11, 28-24; no de Joaquim Silva conta Veríssimo Dias. Ambos os dous duelos terminaron en empate.

9.13-18, 28-24; 10.01-05, 29-26;

Mala na modalidade clásica porque permite ás brancas gañar o xogo con 11.06-10!, pois se:

a) 11. ... 26-21; 12.14-19, 23x14; 13.10x19, 21x14; 14.19-23, 27x20; 15.16x23, 14-11; 16.07x14,24-20; 17.14-19, 17-13; 18.23-28, 31x24; 19.19-23 G.B.

b) 11. ... 26-22; 12.07-12 G.B. (refutación que non sería válida no xogo angloamericano).

c) 11. ... 15-12; 12.06-13 G.B.

d) 11. ... 31-27; 12.07-11, G.B.

e) 11. ... 24-20; 12.02-06 G.B.

A mellor defensa sería 10. ... 27-22; 11.18x27, 32x22; aínda que as negras pasan por moitos atrancos. Por exemplo:12.06-10, 25-21; 13.14-19, 23x14; 14.10x26, 29x22; 15.05-10, 22-19; 16.16-20, 30-27; 17.03-06, 21-18; 18.07-11, 17-13; 19.10x17, 19-14; 20.17-21, 14x07; 21.04x11, 18-13; 22.11-14, 15-12; 23.21-26, 24x15; 24.26-30, 12-08; EMPATE.

Con todo a variante conserva o seu valor se as brancas, en vez de 10.01-05, xogan 10. 07-11, pois agora si que resulta apropiada a continuación con 10. ... 29-26. Despois de 11.11x20, 24x15; 12.01-05, 31-28 o xogo pode continuar igual que este entre Ward e Reynolds, pero sen as negras pasaren pola posición perdedora.

11.07-11? ...

En damas clásicas, como xa indicamos, 11. 06-10 era decisiva.

11. ... 31-28; 12. 11x20, 24x15; 13.05-09 ...

tras esta lance as negras fanse coa iniciativa. Era preferible 13.04-08 que dá xogo igual.

13. ... 28-24; 14.09-13 ...

14.06-11 aínda salvaba o xogo.

14. ... 17x10; 15.06x13, 26x22; 16.02-05, 15-11; 17.05-09 ... [DIAGRAMA]

17. ... 11-06!;

Se 17. ... 22-19 segue 18.18-21. Se directamente 17. ... 24-20; continúase coa mesma resposta 18. 18-21, e se 17. ... 30-26 18 13-17 leva ao empate.

18.03x10, 24-20; 19.04-07 ...

As negras contan con gran vantaxe pero unha análise pormenorizada demóstranos que, no noso xogo, aínda podía saltar unha derradeira sorpresa. Xogando 19.14-19, 23x05; 20.16x23, 27x20; 21.18x27, 30x23; o branco pode defenderse.

19. .... 20-15; 20.07-11, 15x06; 21.13-17, [0:1]

Ao dereito de mover o peón, o inglés apertou a man de Mr. Reynolds en sinal de rendición. Namentres, na zona acoutada para o público, os espectadores neoiorquinos aplaudiron afervoadamente e lanzaron os sombreiros ao aire para celebraren a vitoria do seu compatriota.